O concello de Entrimo (Val do Limia) acollerá os días 15, 16 e 17 de xaneiro de 2027 o primeiro congreso internacional da guerrilla antifascista en Ourense, organizado polo Comité da Memoria Histórica do Val do Limia. O voceiro da entidade, o historiador Carlos Morais, explica a Nós Diario o programa e obxectivos do mesmo.
_Cales son os obxectivos que perseguen con este congreso sobre a resistencia armada ao franquismo e que destacaría do seu programa?
O Comité da Memoria Histórica do Val do Limia convocou xa hai meses o primeiro congreso internacional da guerrilla antifascista, que se desenvolverá en Entrimo entre 15 e 17 de xaneiro co obxectivo de afondar na historia da resistencia armada á ditadura. Entendemos que o fenómeno da resistencia armada xurdida a partir dos primeiros destacamentos constituídos en 1938 non está o suficientemente estudado, polo que pretendemos corrixir as carencias das investigacións e achegar novas informacións e perspectivas. Consideramos que a guerrilla antifascista galega foi o maior desafío político ao franquismo en catro décadas.
O congreso vai analizar a realidade da guerrilla no sur da Galiza mais tamén na área portuguesa, no Bierzo, na Cabreira e na Seabra, contando coa presenza de investigadores das tres universidades galegas mais tamén de fóra da academia que van presentar 23 relatorios. Ao tempo, vaise desenvolver un recital poético, proxectar 11 filmes e realizar unha ruta por Castro Leboreiro, estando aínda aberta a posibilidade de inscribirse contactando coa organización.
_Sinalaba a relevancia da actividade guerrilleira na Galiza, mais isto bate coa pouca atención que merece como obxecto de estudo. Que explicación atopa para isto?
Hai basicamente dúas razóns que explican o silencio historiográfico sobre a guerrilla. A primeira é que a principal forza política que estivo detrás da guerrilla, o Partido Comunista, quere agochar un capítulo do seu pasado co que se sente molesto, sobre todo após pactar a Transición. A segunda ten a ver co ambiente de consenso, pacto e silencio sobre o que se articula a Transición, que fai da guerrilla un episodio incómodo, que leva a que sexa excluída dos ámbitos académicos.
_Ademais de encargarse da coordinación do congreso, vai presentar un relatorio sobre Víctor García 'O Brasileiro', un dos dirixentes guerrilleiros máis destacados da comarca do Val do Limia. Que significaría del?
Victor García 'O Brasileiro' foi un destacado dirixente comunista e un líder carismático da guerrilla galega enviado pola Internacional Comunista ao norte de Portugal para contribuír á reorganización do Partido Comunista Portugués, que naquela altura se atopaba dividido entre dous sectores, e axudar a organizar o Partido Comunista de España. Entre 1939 e 1943 organizou os fuxidos e exiliados no norte de Portugal e sentou as bases da primeira experiencia armada da Galiza.
Á volta de 1943 viuse obrigado a abandonar Castro Laboreiro, sendo electo en novembro de 1943 máximo responsábel do PC na Galiza, que comeza a organizar en 1944 desde Vigo. Apartado da dirección do partido polos axentes do carrillismo que depuraron o PC na Galiza, pero tamén no Estado, para controlar a organización e a guerrilla, foi executado por militantes do PC seguindo as ordes da dirección na primavera de 1948 en Silleda. 'O Brasileiro' require dunha biografía que explique a súa vida e loita.