Article épinglé

dimanche 25 octobre 2026

Bandeiras vermellas

FONTE  https://obardodescamisado.fala.gal/bandeiras-vermellas/ 

Hai que recoñecerlle ao Movemento Socialista (MS) certa habilidade escenográfica e unha capacidade innegable de mobilización nun cotexto no que ningunha man antifascista está de máis nas nosas rúas. E iso, compañeiros e compañeiras, é algo que non deberiamos perder de vista. En poucos anos conseguiron levantar un discurso que se presenta como superación do sectarismo, do reformismo e das miserias habituais da esquerda institucional. Fala de coxuntura, bloques, correlación de forzas e non sei cantas sutilezas estratéxicas co aire grave de quen acaba de descubrir que o capitalismo existe e que, por desgraza, non pensa morrer esta semana.

En plena decadencia imperial, cando o edificio estala e os administradores do desastre disputan as chaves do soto, o Movemento Socialista comparece ante nós cunha receita que pretende ser nova: construír un terceiro bloque sen molestar demasiado os dous primeiros. Nestes tempos, nos que calquera concelleiro se disfraza de estadista e calquera derrota se vende como unha fase superior da conciencia, pode que abonde con que alguén queira discutir a estratexia.

Hai algo moi propio de certa literatura política: un remata de lela coa sensación de ter asistido a unha reunión importantísima na que, con todo, ninguén abriu a ventá. Todo está no seu sitio, as categorías encaixan, en certa medida o horizonte amplíase e a historia parece disposta a obedecer. Despois saes á rúa e atópas co prezo do alugueiro, cun colega que leva tres anos encadeando contratos basura e cunha familia que ten a media descendencia emigrada. Nese momento, o mundo volve ser ese lugar bastante menos ordenado do que falaban os libros.

A Nova estratexia socialista, impulsada polo MS, quere intervir nunha discusión necesaria: a de como reconstruír unha estratexia revolucionaria cando as vellas certezas organizativas xa non abondan e o capitalismo parece capaz de converter cada derrota nunha nova oportunidade de negocio. A ambición agradécese. O que non pode darse por suposto é que unha estratexia sexa acertada por formular preguntas grandes, nin que a súa escala internacional a libre de responder ás pequenas, concretas e bastante incómodas. Lida desde Galiza, a cuestión é sinxela de formular e difícil de esquivar: que lugar ocupa aquí a nación e que facemos con ela cando deixa de ser unha palabra nun documento e se converte nunha relación material de poder?

A nosa terra, Galiza, non é un decorado onde a loita de clases sucede con sotaque propio. Trátase dun país subordinado económica e politicamente, integrado nun Estado que non é neutral e nunha división do traballo que condiciona que producimos, quen queda co valor e que futuro podemos construír. A emigración, o envellecemento e o baleiramento de comarcas enteiras non son desgrazas meteorolóxicas, nin encaixan de forma orgánica en bonitos marcos preestablecidos. E a lenta e progresiva extinción do galego non é unha extravagancia cultural que poida deixarse para cando teñamos resolto as supostas contradicións verdadeiramente importantes. Todo isto ten historia, responsábeis e consecuencias para a nosa clase e para o noso pobo. Se a xuventude ten que marchar para encontrar un traballo digno, se boa parte da economía depende de decisións tomadas en Madrid e se a lingua propia retrocede en ámbitos fundamentais da vida cotiá, non estamos ante unha suma de problemas separados. Estamos ante unha forma concreta de dependencia.

E aquí empeza o lío. En determinados ambientes de esquerda, mencionar a cuestión nacional obriga a pasar por unha aduana ideolóxica. Hai que demostrar que un non é nacionalista burgués, que non pretende distraer a clase obreira dos seus intereses e que comprende, por suposto, que a independencia non acabará coa explotación da clase obreira da súa nación. Todo iso pode ser certo e, aínda así, servir para levantar unha barreira moi conveniente: a que permite falar de emancipación universal sen tocar as condicións particulares que impiden a un pobo decidir sobre a súa propia vida. A burguesía galega existe, claro, aínda que cabería preguntarse a que intereses concretos responde. Pero de aí non se deduce que a subordinación nacional sexa imaxinaria, nin que combatela sexa poñerse ao servizo dos empresarios. Entre o rexionalismo de salón e o desprezo cosmopolita hai un campo de batalla político que conviría non regalar a ninguén.


Lenin ou Engels entenderon perfectamente que o internacionalismo non podía construírse obrigando os pobos sometidos a confiar cegamente no Estado que os sometía. Recoñecer o dereito de autodeterminación non significaba converter cada fronteira nunha solución máxica, senón combater unha desigualdade política que envenena a unidade de clase. A solidariedade entre traballadores non se pode decretar desde arriba, nin se fabrica pedindo a un pobo que garde silencio ante os seus agravios para non incomodar bonitas disquisicións revolucionarias trazadas en papel con escuadra e cartabón. Lógrase construír cando a unión é libre, cando ninguén ten que renunciar a decidir para demostrar que é suficientemente internacionalista. Do contrario, a palabra “internacionalismo” corre o risco de perder a súa esencia e converterse unicamente nunha maneira elegante de universalizar a experiencia nacional de quen xa ocupa a posición dominante.

Por iso a pregunta para o Movemento Socialista non é se debemos superar os límites das organizacións nacionais, nin se fai falta coordinación internacional. Evidentemente. O capital non pide permiso nas fronteiras e o patrón pode ter a sede en Madrid, os accionistas en Londres e a fábrica en calquera recuncho onde os salarios precarizan ata o extremo a vida da clase traballadora. A resposta obreira tampouco pode encerrarse nun mapa pequeno, nin levantar muros ante as experiencias compartidas. Pero unha cousa é coordinar loitas e outra moi distinta imaxinar que a escala internacional resolve por si mesma as asimetrías entre os pobos que participan nela. Como se decide a estratexia común? Que autonomía teñen as organizacións nacionais? Quen determina as prioridades cando as necesidades dun centro industrial e as dun país dependente non coinciden? Que mecanismos impiden que a unidade termine significando simple obediencia?


Non son preguntas administrativas. Son preguntas sobre o poder. E tamén sobre a posibilidade de que unha organización que nace para combater a dominación reproduza, sen querer ou con toda a boa intención do mundo, os seus mesmos hábitos. Un centro que fixa unha liña férrea, unha periferia que a aplica e unha explicación teórica para xustificar por que as contradicións da periferia poden esperar de novo a un momento máis adecuado. E é que a historia política está chea de organizacións que proclamaban a emancipación da clase obreira mentres descubrían, con sorprendente facilidade, que a clase obreira sempre tiña que facer o que fixaba a dirección.

O socialismo non pode importarse como unha maquinaria nunha caixa e tampouco a liberación nacional ten sentido se non logra transformar as relacións sociais. Non fai falta converter estas certezas en estampitas ás que idolatrar fechando calquera posíbel diálogo entre nós. Ningunha revolución parte dun punto cero, ningunha sociedade é unha páxina en branco e ningunha clase loita fóra da historia concreta que a formou. No caso galego, isto significa pensar conxuntamente a explotación laboral, a dependencia económica, a emigración, a lingua e o dereito a decidir. Non porque sexan asuntos idénticos, senón porque se cruzan na vida da xente. Nin a nosa lingua é unha peza de museo, nin a nación é un sentimento que flota por riba das clases. Son terreos onde se exerce poder e onde tamén se pode organizar resistencia.

E aquí a cuestión volve ao principio. Unha estratexia internacionalista digna dese nome ten que explicar como se articula a solidariedade entre pobos sen borrar as súas diferenzas; unha estratexia socialista ten que explicar quen controla a produción e como se impide que o partido substitúa a clase. Unha estratexia revolucionaria ten que demostrar como se pasa da denuncia á capacidade efectiva de transformar as condicións de vida. Tamén ten que aceptar que os pobos non son unidades intercambiables nun taboleiro e que unha organización non se volve internacionalista por lle engadir adxectivos ao seu nome.


Desde Galiza, a tarefa concreta non consiste en escoller entre encerrarse en si mesma e disolverse nunha abstracción internacional. Consiste en construír unha forza propia, arraigada na clase traballadora do país, capaz de disputar a dependencia económica e política e de enlazar esa loita coa doutros pobos. Unha forza que entenda que a soberanía sen transformación social pode acabar en mans dos de sempre, pero que a transformación social sen capacidade de decisión nacional pode deixar intactos algúns dos mecanismos que reproducen a nosa subordinación.

Castelao recoñecería decontado o truco de chamar “mobilidade” á emigración, “dinámica demográfica” ao baleiramento do país e “cambio sociolingüístico” á retirada do galego. As palabras técnicas teñen esa virtude, permiten describir unha casa en chamas sen mencionar o lume. A teoría política tamén pode facer algo semellante cando converte as contradicións reais en problemas secundarios, aprazables ata que chegue o momento adecuado nun futuro incerto. O inconveniente é que ese momento adoita non chegar nunca.

Ningún pobo se libera renunciando a decidir, ningunha clase se emancipa delegando indefinidamente o seu poder e ningunha estratexia se volve revolucionaria por chamarse nova. O internacionalismo empeza cando a solidariedade deixa de ser unha orde e se converte nunha relación entre iguais. E o socialismo, se quere deixar de ser unha promesa que se repite de derrota en derrota, terá que aprender a camiñar cos pés cheos de barro. Aprender a pisar o chan que baixo os nosos pés abraza as futuras sementes de vencer.